manulago
EMERXE
ALEJANDRA BALBOA + CLARA FERRAO + MARCIA VÁZQUEZ
Xornada de danza para rúa ou espazos non convencionais | 45 minutos

Emerxe é a reunión de tres creadoras galegas emerxentes.
Emerxe é unha xornada de contacto coa danza contemporánea para todos os públicos. Parte dun programa de formación e experimentación do movemento nos corpos para diferentes públicos (nenxs, adolescentes, adultxs,..) para logo situarse fóra e desfrutar dos espectáculos das tres creadoras: Alejandra Balboa, Clara Ferrao e Marcia Vázquez.
Estas tres pezas en solitario son creados polas intérpretes e teñen como nexo a relación do seu propio corpo cunha mesma e co entorno máis inmediato. E poderiamos definilo concretamente como a relación de Alejandra Balboa cos impulsos internos, a relación de Marcia Vázquez co contexto social onde se sitúa o seu corpo, e a relación de Clara Ferrao cos factores externos máis próximos a ela.
A actividade expandida dos tres obradoiros realízase pola mañá e ten unha duración de 3 horas.
O programa de exhibición das tres pezas realízase na mesma xornada pola tarde e ten unha duración de 45 minutos.
Vertebrata de Alejandra Balboa
Duración:
10 min.
Ficha:
Creación e intepretación: Alejandra Balboa
Sinopse:
Non deixo que nada entre en min sen retumbar, sen controlar a intensidade coa que habitan, chocan e incluso explotan. Ás veces parece que descansan, pero rapidamente percorren todo o espazo que poden para facerse notar.
Limítome a intentar apagalas. Penso, ilusa, que cando me volvan a petiscar, entendereinas con claridade.
Pero non. Non consigo que durman.
Temo que a miña paz quedará reducida aos pequenos momentos nos que o aire consiga entrar e sair do meu corpo sen dificultade.
Mencións:
Finalista no Certame de Creación de dúos e solos do Festival SóLODOS En Danza / Ourense / 2020.
Premio a Mellor Intérprete na IV Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres 2021.
Onde pousa a humidade de Marcia Vázquez
Duración:
15 min.
Ficha:
Creación e interpretación: Marcia Vázquez Ramírez
Asesoramento escénico: Carmen Larraz, Paula Ramis Muñoz e Raquel Jara
Música: Mercedes Peón - Momentos, Leilía - O meu amor
Voces en Off: Documental Línea 900 - Costa da Morte
Ambiente sonoro: Guillermo Alfaro e Marcia Vázquez
Sinopse:
Onde pousa a humidade é un solo que profunda na espera e a súa relación co corpo en tempo presente e pasado. Inspírase na Costa da Morte, Galiza, unha das costas con máis naufraxios de Europa. “Unha homenaxe ás mulleres, as que sempre agardan a que o océano lles devolva, polo menos, os restos de ósos dos seus parentes.
Mentres, o sal cuartea as súas mans que tecen, rede a rede, o que as mantén en terra”.
Miñaxoia de Clara Ferrao
Duración:
13 min.
Ficha:
Dirección: Maximiliano Sanford Monte
Interpretación: Clara Ferrão Diz
Música: Jambinai e Roger Goula
Sinopse:
“Un corpo, unha vibración, un croque, unha fractura. Non me destrúe. Esta situación non se ten en conta, e eu, miñaxoia, confío en que isto vai cambiar. Ás veces todo parece invisible, só está o corpo, só o cansanzo, só o movemento inagotable que me permite recoñecer onde me atopo. A casualidade organizada abre un espazo en branco no que poder entrar. O corpo difumínase, atopa unha nova vibración. O corpo transfórmase, haberá unha solución que descoñezo.”
Mencións:
Premio mellor intérprete en La Espiral Contemporánea de Santander 2019
Premio do público no Certame de Artes do Corpo Doutras, Ourense 2019
Premio mellor intérprete en DZM Diálogos Contemporáneos 2019. Cáceres

Foto Elías Aguirre

Foto Francisco Ares

Foto Ángel Sousa - Propulsa