top of page

   Rut Balbís · Pisando Ovos   

Un proxecto de difusión da Danza Contemporánea en Galicia · istoedanza.gal 

por Cristina Balboa e Manu Lago

3 |                                                       04/10/2018

Foto Jas Processor

TI E A DANZA

·Cóntanos quen eres, o teu nome, onde resides e a que te adicas? 

Son Rut Balbis, vivo en Oleiros e teño o meu proxecto artístico persoal arredor da danza e as artes do movemento con Pisando Ovos. Ademáis dou clases de danza contemporánea na Aula de Danza Normal e de ximnasia Estética na EX Acordes. 

·Desde que ano eres profesional da danza en Galicia? Como comenzou todo? 

Desde o 2004. 

Non son consciente de como comezou, creo que por casualidade, e con moita sorte. Xogando e deixando a intuición guiarnos naceu a primeira peza de Pisando Ovos.

·Lembras cal foi o primeiro espectáculo de danza contemporánea que viches? 

Creo que un dos primeiros foi un de Jiri Kylian, ou polo menos un dos que me impresionou e me quedou na memoria. 

O TEU TRABALLO

·Sobre o teu último traballo, que podes contarnos? Ou prefires adiantarnos algo no próximo? 

D9 é a última peza na que estiven metida. Gustaríame contar que máis que bailarins creo que traballo con atletas, ou ese é o meu ollar agora......

·Vemos algún vídeo del? 

Pronto disporemos de vídeo promocional.

O ENTORNO MÁIS PRÓXIMO

·Cal é a túa valoración da danza contemporánea de Galicia (creación, produción, exhibición, distribución, políticas culturais,...) ? 

En Galicia existe un eido artístico  arredor das artes do movemento con moita identidade e potencialidade. Ainda que con recursos mínimos as estruturas profesionais consiguen desenvolver a súa traxectoria non só adicándose á creación senon tamén á formación e xestión. Creo que necesitamos visibilizarnos máis, porque os traballos que chegan aos escenarios galegos son ben recibidos polo público. 

·Por que non se programa máis danza? Que cres que necesitamos para estimular as contratacións? 

Necesitamos programacións regulares e estables. Tamén xestores e programadores especialistas que poidan deseñar un programa en función do contexto  no que se atopan. Programacións Expandidas que completen un programa máis alá da exhibición formal no teatro. 

·Os teus proxectos poden aportar algunha actividade para a creación de públicos engadida á exhibición do espectáculo?  De quen é esa responsabilidade? 

Responsabilidade compartida. Por suposto, estou concienciada de facer un traballo máis alá da actuación no teatro. É importantísimo achegarnos a novos públicos.

·En Galicia xa non existe ningunha asociación profesional vinculada específicamente á danza e non están practicamente presentes en Escena Galega (asociación de compañías). Cal é o motivo? É unha disciplina individualista?  

O desgaste que as compañias e as artistas sufren por resistir na suas carreiras profesionais. Existe conciencia de colectivo pero pesa máis as situacións individuais e frenan ás veces as posibilidades de traballar conxuntamente nunha mesma dirección pola profesión. 

-O Colectivo RPM traballa para a creación e investigación arredor das artes do movemento a través das Residencias Paraíso (co apoio económico da Agadic) . Suple a xestión cultural pública? 

Hoxe en día é normal ver este tipo de accións, onde institucións e estruturas independentes traballan man a man para poder abordar proxectos. En Residencias Paraíso se arma unha rede interinstitucional coordinada por un colectivo independente. Me parece que estas vías abren novas opcións para desenvolver proxectos que ás veces as institucións pola pouca marxe de manobra que teñen non poderían facer. 

O CONTORNO DO ENTORNO

·Traballas na periferia do Estado, estamos lonxe de Madrid, Barcelona ou Bilbao. Que é o que nos perdemos e que cales son os aspectos positivos? Como nos ven desde as cidades máis dancísticas? 

Por unha parte o illamento nos fai ter unha identidade propia máis marcada, tamén temos un campo amplo onde sembrar... porque non somos moitas... pero claro, estar nesta esquina fai que non podamos disfrutar das últimas tendencias que se poden ver noutras cidades que concentran moita máis danza.

PREGUNTAS SUPERSÓNICAS

·No ano 2030 en que cidade te gustaría presentar o teu traballo? 

Nalgunha aldea galega

·Que momento do día te gusta máis? 

As mañás

·Se tiveras a oportunidade de gobernar un país, cal sería? 

Non creo que puidera facer iso

·Cal é o teu sabor de xeado preferido? 

Vainilla

·Fai canto tempo non escoitas un álbume de música completo? 

Nin me lembro

·Cantas pesetas son un euro? 

166

·Performance ou danza? 

Todo

·Que sentido ten o movemento do corpo na Galicia de hoxe? 

É parte da nosa cultura, tradición.

·Que movemento involuntario do corpo é o teu preferido? 

Non teño, pero movo moito as mans, eso me din.

·Por que disciplina artística diferente á túa te sintes atraídx? 

Música

·Por que cidade sintes un especial afecto? 

En xeral por Brasil.​

·Que compañía de artes escénicas recomendarías axs teus veciñxs ou colegas para ir a velxs? 

-

·Que música, definitivamente, non bailarías? 

-

·Como decidiches o nome da túa compañía? 

Para ir amodiño, con coidado.

·Na túa práctica habitual, que tema ou inquietude estás investigando? 

-

·Que libro lembras? 

La danza del futuro.

INSPIRÉMONOS XUNTOS

·Podes prestarnos o link a un vídeo dun espectáculo que te marcara para visionar ao rematar de ler este custionario e contarnos por que? 

https://vimeo.com/53099594

·E unha música? 

Arca

PARA CURIOSEAR MÁIS

·Onde podemos ver máis das túas actividades? Pásanos a túa web. 

www.pisandoovos.com​

Con motivo da estrea de DIRECTO 9 o 03/10/2018 no Teatro Ensalle de Vigo falamos con Rut Balbís sobre o seu traballo e as artes do movemento:

Imaxe do espectáculo A temperatura o temperamento de Efe Punto Martínez. Foto de Miguel Vidal. Todos os dereitos reservados.

DIRECTO 9 

A nova creación de Pisando Ovos é unha conversa entre os corpos, a danza, a música e a posta en escena por medio da iluminación, co propósito de regresar a un dos puntos máis importantes da súa linguaxe: a entrega total dos corpos desde o movemento e as accións cotiás. Unha proposta dirixida cara as novas linguaxes escénicas en clave de creación contemporánea na que se amosa o concerto como forma de reunión da sociedade contemporánea, e que convida a todas as asistentes a vibrar conxuntamente.

 

Para a creadora a estrea deste espectáculo forma parte da triloxía composta por Que volvan as flores (2014), Give it a spin (2015) e Directo 9(2018), xirando arredor da música electrónica e o desgaste físico dos corpos en directo.

 

Os corpos que asisten ao concerto DIRECTO 9 viven unha experiencia grupal en directo. Como si dos corpos dunhas atletas se tratara, levan os corpos ó encontro cos límites físicos, co desgaste e o cansanzo extremo. A reunión é guiada pola música do DJ que encamiña ás masas nun proceso ritual cara á mimese dun salto común, cara o descontrol e a entrega total. Unha vez superado o clímax do concerto, o íntimo e persoal contacta cos corpos baleiros, facéndoos máis fráxiles, máis poéticos.

Imaxe promocional do espectáculo por  Íñigo Rodrigo Román

bottom of page