top of page

 Arquivo Online de Danza Contemporánea de Galicia  é un traballo de documentación onde se recollen as creacións de coreógrafxs de Galicia (residentes e/ou de nacemento) realizadas dentro ou fóra do territorio desde 1987 ao 2021.

Consciente de ser un traballo incompleto e practicamente irrealizable, foi iniciado no 2017 e publícase a primeira fase o 29 de abril de 2018  -Día Internacional da Danza-. Será actualizado anualmente cas novas producións coreográficas e cos datos que o traballo de documentación recupere das compañías, creadorxs, hemerotecas, ... e calquera outra fonte dispoñible, poñendo especial atención á recuperación de información anterior ao ano 2005.

Está elaborado coa misión de recuperar a memoria e poñer en valor a diversidade, calidade, volume e desenvolvemento histórico da creación coreógrafica en Galicia mediante a recollida e publicación dos datos das producións de danza contemporánea de coreógrafxs galegxs e/ou residentes en Galicia. O Arquivo ten como principal obxectivo  documentar a creación de danza contemporánea  e constituír un lugar de información da mesma:

·Documentar a produción coreográfica dxs profesionais de danza contemporánea en Galicia a través da reunión nun arquivo de todos os datos disponibles sobre as pezas.

·Ofrecer unha catalogación das coreografías producidas mediante a clasificación por autoría, título e ano de estrea individualmente para unha búsqueda óptima.

·Actualizar anualmente a oferta de información a través da incorporación das novas creacións dxs profesionais de danza contemporánea de Galicia.

·Dotar de información do entorno para contextualizar a actividade coreográfica en Galicia a través de mapas coreográficos sobre as redes, residencias, produción e exhibición de danza contemporánea nas catro provincias.

·Construir estatísticas básicas a partir dos datos recollidos das producións coreográficas.

·Complementar a información coa publicación de webs de coreógrafxs, creadorxs, centros de exhibición e creación de danza contemporánea, institucións, etc relacionadas coa disciplina da danza contemporánea en Galicia.

 

O Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia, máis que a reunión de vídeos de coreografías, propón unha recollida máis ampla de todos os detalles das producións coreográficas: "La danza y el archivo nunca se han llevado bien" (...) "La danza solo se puede transmitir cuerpo a cuerpo". Jaime Conde-Salazar: La danza del futuro, Edit. Continta Me Tienes, 2018.

Os datos recollidos neste Arquivo ofrecen unha visión xeral e constitúen unha fonte de información da evolución da danza contemporánea dentro do sector escénico en Galicia, das pezas e do contexto onde se enmarcan. Na súa maior parte  foron recuperados de programas, cartaces, prensa, webs de compañías e coreógrafxs, salas e teatros (Teatro Ensalle e Teatro Galán), arquivo de programación de En Pé de Pedra e en listados de pezas xiradas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e Rede Galega de Salas (RGS) da Axencia Galega das Industrias Culturais Agadic - Xunta de Galicia e rede profesional de danza da Rede Cultural da Deputación de A Coruña.

Este traballo sería máis laborioso sen as aportacións de información de pezas coreográficas, conversas e lecturas de Rut Balbís, Lorena Arévalo, María Move, Nuria Sotelo, Xián Martínez, Mercé de Rande, Bárbara Monteagudo, Alba Fdez Cotelo, Estefanía Gómez, Fran Martínez, Marta Alonso Tejada, Paula Quintas, Janet Novás, Ana Vallés, Esther Latorre, Maruxa Salas, Erick Jiménez, Kirenia Martínez, Beatriz Pérez, Javier Martín, Branca Novoneyra, Clara Ferrao, María Paredes, Mónica Santos, Cristina Balboa e Cristian Rodríguez. A todxs elxs, grazas!

E o agradecemento especial a Afonso Becerra por agasallarme con 1195 palabras sobre a súa visión da danza contemporánea de Galicia e do Arquivo nun texto que é a mellor presentación coa que pode contar este traballo.

 

 Manu Lago

Barcelona, abril de 2018 

bottom of page