top of page

Recuperando lugares.

O Arquivo Dixital da Danza Contemporánea de Galiza

Por Afonso Becerra de Becerreá

 

A danza, a través do movemento do corpo, crea e modifica o espazo e o tempo. A nosa experiencia do espazo e do tempo vese felizmente alterada pola danza, tanto como bailarinas ou bailaríns, tanto como espectadoras ou espectadores. Porque o encontro coa danza, alén da súa contemplación e da emoción estética que poida suscitar, é un encontro que produce empatía e que opera por contaxio.

As tensións rítmicas que desprega o movemento corporal, articulado coreográficamente ou explorado a través dunha improvisación, en diálogo con outros corpos, obxectos, espazos, luces, sons, silencios..., as tensións rítmicas que desprega a danza alcánzannos, cambian o noso ton físico e a nosa respiración.

A danza, por tanto, xera ese lugar de recuperación do común, convoca, na súa teatralidade, a comunidade.

 

Cada peza de danza responde, dun xeito máis ou menos secreto, a unha necesidade de recompoñer o espazo e o tempo, que vai ser ampliado e expandido (contaxiado) á recepción, ao público.

Por iso é importante o case utópico empeño de gardar a memoria das pezas de danza que pertencen a un ecosistema cultural e, por suposto, biolóxico. Porque esa necesidade, máis ou menos consciente, de recompoñer o espazo e o tempo, a través do movemento corporal, da coreografía e da dramaturxia, tamén responde, de maneira moi sutil, ao diálogo e á interacción co ecosistema cultural e biolóxico no que se dá.

É desde esta concepción orgánica e ecolóxica desde a que, baixo o meu punto de vista, ten sentido falar de danza contemporánea galega. É desde esta concepción orgánica e ecolóxica, que estuda a danza como unha flor que abrolla nun territorio cunhas peculiaridades moi diferenciadas, desde a que me permito reivindicar a importancia da diferenza nos trazos máis sutís, nas texturas máis delicadas, naquilo pequeniño e marxinal que pode distinguir a danza contemporánea galega da danza contemporánea catalá ou flamenca de Bélxica.

É por isto que o Arquivo da Danza Contemporánea Galega, que comeza a elaborar Manu Lago, pode permitirnos observar esa especificidade nacional, matricial.

Alén da riqueza de estilos, técnicas e escolas, que incorporan as creadoras e creadores de danza contemporánea en Galiza, vaise filtrar esa interacción, ese diálogo co ecosistema, que inxecta unhas tonalidades e un carácter, nos seus trazos quizais menos obvios.

 

Por outra banda, a arte da danza faise imprescindible para calquera colectividade, para calquera territorio que teña un mínimo de autoestima e que desexe enriquecerse e crecer a través do cultivo das artes.

Desde esta perspectiva, é moi relevante intentar gardar e documentar as pezas que constitúen a historia da danza dun lugar determinado. Pola importancia lóxica que ten a memoria para o desenvolvemento, a aprendizaxe e a evolución social e artística.

 

Nos conservatorios de danza de Galiza debería haber unha materia na que o alumnado que se quere dedicar á arte da danza puidese observar e estudar ás coreógrafas e coreógrafos da súa zona, de proximidade, máis acó das grandes figuras internacionais hexemónicas.

Porque a arte faise desde o coñecemento das grandes mestras e mestres internacionais, pero tamén desde o necesario coñecemento das mestras e mestres que colleitaron a danza no noso entorno.

Igual que estudamos a xeografía e a historia de Galiza e incluso da nosa bisbarra, ademais da historia e da xeografía xeral, nos conservatorios de danza, nas facultades de belas artes, nas escolas de arte dramática, debería estudarse o repertorio da danza do territorio no que vivimos e no que sería óptimo que ese alumnado de artes escénicas puidese tomar o relevo e desenvolver a súa carreira como coreógrafas/os, bailarinas ou bailaríns.

Por iso, un arquivo da danza contemporánea de Galiza, é un ben de interese público para preservar o patrimonio da arte da danza e para que, desde a memoria e non desde a amnesia, se poida implementar a súa evolución e riqueza nun futuro.

 

Que máis?

Pois, por exemplo, observando o arquivo que esta a elaborar Manu Lago, decátome, a través dos indicios que me ofrecen os documentos achegados, que a danza contemporánea galega, porcentualmente, está realizada por poetas da coreografía. E con isto recupero un tópico (lugar) bo, segundo a miña opinión. O tópico de que o finisterre atlántico, con núcleos de poboación maioritariamente pequenos e aillados, dá lugar a unha concepción da danza contemporánea máis lírica, máis pegada a unhas frases físicas que parecen conectarse con algo anterior ao propio acto coreográfico, como se esas coreografías viñesen a alumar e dar forma a un espazo e a un tempo primixenios, vizosos e melancólicos á vez.

 

Para ilustrar o que acabo de sinalar, só vou expoñer algúns dos casos documentados por Manu Lago:

Un exemplo explícito do que acabo de apuntar son as pezas da coreógrafa Branca Novoneyra, con títulos e sinopses claramente alusivas ao poético como material inspirador para a danza. A aliteración, o fonosimbolismo, a metáfora e a síntese do poético trasladado e aplicado á creación dancística. A primeira peza é Chove pra que eu soñe (2002), colle un verso como título. A última que aparece documentada é Aneis (2011) e descríbese así: “propostas na que a intertextualidade entre a danza e a poesía guía a creación escénica.”

Outro exemplo: a danza teatral de Estela Lloves, asumindo a figura dunha obreira, vestida con mono azul de traballo, e xogando cos papeis dun xornal. Coa cabeza envolta en papel de periódico. Fronte a esa visión da realidade xornalística aparece a presenza enigmática de Estela avanzando, en danza, cara ao mar e lanzándose á auga desde o peirao da illa de San Simón. Refírome á peza Hoxe, na rúa, peguei un golpe na cabeza e quedei aterrorizada: en lugar de sangue saíu un pensamento propio. Que é o que vou facer agora? (2009)

Ao chou, penso en Que volvan as flores (2014) de Rut Balbís, un exemplo diáfano sobre a danza como proceso de configuración dun espazo dinámico, no que, ademais, se lle deixan ocos á recepción para que poida implicarse nese mesmo proceso de co-creación, igual que acontece nun poema. Esa busca das flores que abrollaron nunha primavera anterior. Metáfora, o propio título, da busca de imaxes poéticas no decurso da peza, para que volva a ser primavera.

Ao chou, tamén, aparecen, como lóstregos, os movementos cos que Janet Novás se erixe na figura alegórica dunha guerreira de reminiscencias celtas, en Si pudiera hablar de esto no haría esto (2016). Unha Pepa a Loba que ouvea con todo o corpo. Desde o murmurio ata o berro, desde o salouco ata o aturuxo, nun corpo que danza cos ósos a percutir o chan, para convocar á fera indómita tan necesaria para crebar o estado de falso benestar.

 

Velaí só unhas mostras dos tesouros que garda este “Arquivo Online Danza Contemporánea Galicia”. Unha paisaxe tan excelsa e vizosa como a que define as contornas deste territorio, no que o verde esmeralda do mar espella os mil verdes do bosque e os azuis dos ceos.

Na danza contemporánea de Galiza agóchanse os ímpetos e os impulsos máis inenarrables do que hoxe é, ou podería ser, Galiza. Porque a danza tamén está feita de soños e dese profundo misterio que alanca polos corpos.

Vigo, abril de 2018

bottom of page